Wednesday 08 de May de 2024

Remata o encontro internacional Urbact Cope, que  situou A Coruña como referente europeo en políticas  de coidado do medio ambiente 


A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, concluíu a xornada  felicitando os participantes polo éxito das actividades 

O encontro Urbact Cope chegou á súa fin logo de máis  dunha ducia de actividades e conferencias sobre modelos de cidade verdes, planificación  medioambiental e sostibilidade. A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, destacou o  labor dos profesionais da rede, procedentes de sete cidades europeas. 

Na xornada de hoxe, o equipo de Urbact Cope realizou varias rutas pola Sagrada Familia  para a inmersión no barrio. Acompañados pola Asociación de Veciños e Veciñas da  Sagrada Familia, visitaron diversas entidades para explicar o proxecto e recoller ideas para  o barrio en materia medioambiental. Tamén mantiveron un encontro coa directiva do Centro  social da Sagrada Familia e a Construtora Benéfica, exemplo de desenvolvemento do  barrio. A concelleira sinalou a importancia de poñer en común o traballo realizado nas  diferentes cidades: “é emocionante compartir ideas postas en marcha por este Goberno  local e aprender de plans iniciados por outras cidades, analizar retos comúns e ver as súas  diferentes formas de aplicación”. 

Logo do encontro, o Grupo Local (ULG), formado por representantes de diferentes sectores  e actores locais, ademais do Concello; comezará co deseño dun Plan de Acción Integrado  cara a unha acción climática coherente no barrio da Sagrada Familia. O vindeiro encontro  do Urbact Cope será no mes de xuño na localidade de Kavala en Grecia.  

O orzamento total da rede para todas as cidades é de 850.000 €, dos que a UE, a través  dos fondos FEDER, financia o 70%, uns 598.786 €, correspondéndolle 83.890,7€ á nosa  cidade. O proxecto desenvolverase ata o ano 2025, momento no que se disporá do Plan de  Acción Integrado para o barrio. Grazas á participación na Rede URBACT COPE, as accións  que resulten sitúanse nunha posición moi vantaxosa para a obtención de financiamento  europeo para a súa execución.